lunes, 23 de marzo de 2009

Día Forestal Mundial: PLANTAR ÁRBORES PARA ALIMENTAR O BOSQUE

Coa finalidade de conmemorar o Día Forestal Mundial, os distintos grupos ecologistas levarán a cabo nos próximos días as plantacións das árbores autóctonas correspondentes a distintas campañas.

Mañá, día 24, voluntarias/os de algunhas asociacións en colaboración con alumnas/os dos CEIPs, realizarán a plantación de árbores froiteiras. Así mesmo, as/os voluntarias/os regalarán exemplares a todas as persoas que se acheguen e queiran plantar unha árbore eles mesmos no seu xardín ou finca.

Por outra banda, o mércores, voluntarias/os ecoloxistas, da Oficina Municipal de Voluntariado de Vigo e alumnos do CEIP Igrexa de Candeán, serán os encargados de realizar parte da plantación das árbores autóctonas en dous parques forestais da zona, o Monte do Vixiador e San Miguel de Oia, implicando deste xeito aos máis pequenos no coidado do seu entorno. O resto de árbores plantaranse en outras zonas afectadas polos incendios forestais ou afectadas por especies foráneas, como son o eucalipto e a mimosa.

Con este tipo de iniciativas preténdese recordar e sensibilizar á poboación da necesidade de manter e incrementar as superficies arboradas e de protexer a natureza.

A pesar do importantes que son as árbores para nós, non sempre as protexemos como deberíamos, xa que, a metade dos bosques mundiais desapareceron, as áreas forestais con maior biodiversidade están en perigo e os incendios forestais arrasan cada ano miles de hectáreas na nosa comunidade. Por todo isto, a xestión sostible dos bosques debe pasar das intencións aos feitos canto antes.

Os bosques provennos de bens e tamén realizan servizos fundamentais para a vida, contribuíndo a asegurar a alimentación, a auga e o aire limpo a través da mitigación das emisións de gases con efecto invernadoiro, a liberación de osíxeno á atmosfera, protección de recursos hídricos, conservación da biodiversidade, regulación do clima, beleza escénica, mitigación dos impactos de desastres asociados con fenómenos naturais, etc...

Existen polo tanto, razóns de sobra para que nos interesemos pola conservación dos nosos bosques e é importante que esa preocupación non se limite a actos simbólicos unha vez ao ano, senón que a protección e o coidado dos bosques debe ser unha constante do noso día a día.

No hay comentarios: