jueves 3 de febrero de 2011

A PARROQUIA DE LOURIZÁN RECUPERA A SÚA MEMORIA FOTOGRÁFICA

As tres principais entidades da parroquia de Lourizán, a Comunidade de Montes, a Asociación de Veciños Estriceres e a Plataforma en Defensa da Praza de Praceres, pretenden recuperar a memoria fotográfica da parroquia mediante a creación do Arquivo Dixital Fotográfico de Lourizán (FOLOU- Fotografías de Lourizán). Este proxecto forma parte dun plan de dinamización cultural da parroquia, baseado na recuperación e posta en valor do patrimonio de Lourizán, que inclúe actuacións como a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, a recuperación do Cruceiro de Estribela ou a posta en valor do Pazo de Lourizán.
A recuperación do patrimonio fotográficoéun obxectivo importante para o conxunto da sociedade. Este arquivo está concebido coma un legado para as xeracións futuras e será conformado polas aportacións dos arquivos fotográficos familiares que aporten os veciños, máis as fotografías relacionadas coa parroquia dos arquivos das institucións que colaboren na súa creación. As fotos familiares que todos temos na casa acaban en moitos casos por deteriorarse e perderse, e deste modo pasan a formar parte do patrimonio común, asegurando a súa conservación epreservando así a memoria fotográfica.
Para este proxecto cóntase coa colaboración desinteresada dun profesional, veciño de Lourizán, que desenvolveu unha metodoloxía válida para a súa aplicación en calquera parroquia galega. Nos próximos meses vaise levar a cabo á recopilación e dixitalización das fotografías. Para isto resulta fundamental a participación veciñal, polo que se anima á colaboración de todos. Os interesados deben presentarse os sábados de 16:30 h a 20:30 h no baixo parroquial de Praceres durante este mes e o de abril, e no centro cultural de Estribela en marzo e maio, ou ben poñerse en contacto coas entidades. A cada persoa que colabore, regalaráselle un CD coas súas fotografías dixitalizadase un vídeo sorpresa relacionado coa parroquia.
Unha vez rematada esta primeira fase do traballo, procederase a unha selección das mellores fotografías para levar a cabo a realización dunha exposición e a edición dun libro.