jueves 3 de febrero de 2011

A DEPUTACIÓN PRESENTA A OFICINA VIRTUAL DO ORAL QUE LLE FACILITARÁ AOS CIDADÁNS OS TRÁMITES DE PAGO DE TRIBUTOS

A iniciativa permitirá facer todo tipo de xestións a través de internet sen moverse da casa nin agardar colas


O presidente da Deputación, Rafael Louzán, presentou a Oficina Virtual do Oral (www.oral.depo.es) esta tarde no Pazo provincial, acompañado polo vicepresidente da Deputación, Xosé Crespo. A medida pretende “facilitarlle aos cidadáns o pago dos recibos, consultar os bens polos que teñen que tributar como vehículos ou inmobles e comprobar o estado dos seus expedientes coa Deputación de Pontevedra”, tal e como explicou Rafael Louzán. A iniciativa acercará á institución provincial aos cidadáns e permitirá facer todo tipo de trámites sen ter que desprazarse da casa, nin agardar colas.
A Deputación está a facer unha aposta decidida polas novas tecnoloxías nos últimos anos coa intención de que os cidadáns teñan un maior acceso á información e poidan realizar a través da rede distintas xestións administrativas. Exemplos destas iniciativas son o proxecto Repoblar, que permite o acceso a internet no rural, ou o servizo de administración electrónica, eDepo.
Tal e como afirmou Xosé Crespo, “hoxe en día e grazas ao proxecto Repoblar, os cidadáns do rural da provincia terán posibilidade de acceder a internet nun 95%. Primeiro puxemos a infraestrutura e agora prestamos un servizo como o da Oficina Virtual que permitirá aforrar trámites e evitará desprazamentos prestando un servizo de calidade e fácil de entender para todos”.
A Oficina virtual engádese á lista de elementos innovadores que permiten unha maior interactividade co administrado e axilizar os trámites burocráticos. Ata o de agora a oficina de recadación do ORAL tiña uns servizos centrais e 18 oficinas periféricas en determinados concellos. Os cidadáns tiñan que facer as súas xestións vía presencial ou aclarar dúbidas por teléfono. A oficina virtual permitirá a través da rede obter certificados e recibos oficiais sen desprazarse da casa e incluso poderanse modificar datos persoais ou actualizar o patrimonio sen necesidade de acudir en persoa a un dos centros de recadación.
Deste xeito, tal e como lembrou Rafael Louzán, “iguálanse os dereitos dos contribuíntes xa residan no medio rural ou no urbano, ou o fagan en grandes ou pequenos concellos”. A oficina virtual eliminará custes de desprazamentos, algo importante en tempos de crise. Entre os servizos destaca que o pago é telemático, totalmente seguro (sistema STP) e igual para as 12 entidades bancarias que colaboran co ORAL, co cal non se duplican trámites.
A oficina estará dispoñible en dous idiomas, galego e castelán e habilitarase un teléfono de dúbidas que será o 886 211 400, ademais de formularios electrónicos na propia páxina web á que tamén se poderá acceder dende a páxina oficial da Deputación (www.depontevedra.es).
Esta mellora no sistema de recadación engádese a outras levadas a cabo durante o ano como o sistema de avisos por mensaxes a móbiles ou por correo electrónico para que aquelas persoas que non teñen pagado os seus tributos no período voluntario non incorran en recargos.

Anticipos aos concellos
Entre os cometidos do servizo de recadación do ORAL están reducir os custes para os concellos, que doutro xeito terían que dispoñer de sistemas de recadación propio. Como outros anos, o ORAL anticiparalle mes a mes aos concellos o importe da recadación futura para que poidan dispoñer de tesourería e afrontar así os seus pagos.
O importe do anticipo calcúlase sobre o 100% da recadación de cada tributo (IBI, IAE, Imposto sobre Vehículos) do ano anterior. Para o 2011 as entregas aprobadas pola Deputación aos concellos foron de 38.897.790 euros.
Ademais disto, a Deputación anticípalle aos concellos o 75% do importe liquidado dos padróns das taxas municipais que se van poñer ao cobro. Así os concellos poden obter fondos con tres meses de anticipación ao cobro real dos recibos. No 2010 estes anticipos supuxeron adiantar fondos por 4.887.362 euros.

Administración electrónica

O compromiso da Deputación coas novas tecnoloxías queda reflectido no chamado proxecto eDepo, que acaba de saír a concurso por un valor de case 2,5 millóns de euros e que pretende crear unha administración virtual ao servizo dos cidadáns con servizos integrais a través da rede e a dixitalización de todos os documentos impresos, sonoros e audiovisuais da administración.
“O plan eDepo permitirá non só modernizar a Deputación a nivel interno, senón tamén os concellos da provincia a través dun servizo centralizado na Deputación que posibilitará renovar as aplicacións dos concellos e ofrecer todos os servizos de Administración Electrónica aos cidadáns da provincia”, explicou o presidente Rafael Louzán.