jueves, 3 de junio de 2010

O Xilote

O Xilote

En Parada de Achas (A Cañiza) oubo crímens importantes, o máis famoso deles foi o do Xilote, que recibíu este alcume por ter o pelo da coor da barba do millo. Dos datos sacados das diligencias e información que viron a luz naquel tempo, en 1932, se faia a seguinte información.

Historia do crimen do Xilote

O Xilote era natural e veciño da parroquia de Santiago de Parada, a súa casa era nas Poldras, número 111, onde tiña a propiedade dunha casa de planta baixa compartida coa súa irmán, duns 60 metros cadrados e con terrenos o Norte e camiño o Sur, mesmo entre a de Rosa Fernández o Este e a de Manuel Domínguez o Oeste, pero vivía na casa de María Antonia Pérez, na Cruz, número 95 (Os números, daquela, dos camiños empezaban a contar desde a concello, ou sexa desde o norte, desde O Cabo, e polo que se ve este camiño do Cabo estaba ven poboado hasta As Poldras). Cultivaba as leiras pertencentes a esa casa, da súa primeira muller, e algunhas de seu que lle quedaban nas Poldras e As Caldas (destas últimas a meirande parte eran de María Antonia e lindaban cás de Isolina Rocha Pérez –que vivía nas Caldas, número 104, e emigrou a América donde fican os seus descendentes- e as de Marcelino Vázquez). O Xilote, un home con bigote, sempre con sombreiro ou pucha e aínda que non moi alto, con certa elegancia e amante do bo viño. Era o terror das mulleres da parroquia de Parada. Home de toldada historia e de pouco recomendable conducta privada. Era carpinteiro e labrador. Nacera nas Poldras e tiña unha irmá chamada Redosinda que ficara na casa paterna, antes mencionada, e que co paso do tempo emigrara a América.

Estaba casado en segundas nupcias con Isaura González, veciña da parroquia de Luneda. O último matrimonio contraeuno o 9 de abril do ano de 1931.

Isaura, maltratada polo seu home -os veciños lembran que tamén a primeira muller o fora-, abandonou o seu cónxuxe aos seis meses de matrimonio, en setembro do mesmo ano, marchando a Lisboa, onde se contratou como serventa fuxindo do seu home, o Xilote, que estaba pesimamente conceptuado polos seus veciños debido á súa mala conducta.

O Xilote desapareceu o 14 de febreiro, día dos namorados, de 1932 da parroquia de Santiago de Parada, termo da Caniza.

A desaparición de Xosé Fernández foi advertida polos veciños o 15 de febreiro (1932). Os veciños que viron as portas da súa morada permanentemente pechadas mas tempo do normal decidiron formalizar a denuncia.

Nada se sabia del. Desde entón toda parroquia de Santiago de Parada estaba convencida de que fora asasinado e de que o seu cadáver fora sepultado nalgún sitio ignorado.

O Xilote vivía só e como pasaron horas e horas sen que a casa onde habitaba, (que era a da súa primeira esposa María Antonia Pérez, falecida en estrañas circunstancias -morte da que se lle acusou aínda que non se lle puido probar), se abrise, no vecindario xurdiu a natural alarma.

Cumpría descifrar a incógnita, pero, ¿quen se atrevía a forzar a porta da casa que, ao permanecer pechada, envolvíase en néboas de misterio?

Xosé Fernández Pérez “O Xilote” posuía animais de labor, ovellas e galiñas, nas varias cortes, que formaban parte integral da casa de María Antonia na que vivía. Os animais, mordidos pola fame e pola sede, comezaron a rebelarse no seu pecho. Muxidos e balidos desesperados encheron os ámbitos da aldea.

Os veciños, entón apiadados polos sufrimentos daqueles animais, decidíronse a actuar. E unha comisión trasladouse desde Santiago de Parada ata A Caniza, para denunciar o que ocorría ante o Xulgado.

Ante a denuncia, o Xuíz de Instrucción da Caniza trasladouse a Santiago de Parada.

Era indubidable que ao Xilote lle pasaba algo. Seguramente estaba morto dentro dos muros que lle serviron de casa. Imposible, de estar vivo, que non saltase do leito a demandar auxilio para si e coidado para os seus animais, despois de tantas horas transcorridas.

Chegou o Xulgado

O Xuiz entrou polo camiño que da acceso a vivenda do Xilote e a bodega de Joaquina -camiño compartido, que ten aceso a súa vivenda, número 95, por a porta da cociña e por a porta do cuarto do Este, e a bodega da veciña Joaquina Márquez Fernández, número 96, que fica no baixo, no Norte, desa casa-, abriu o portelo colocado entre as dúas columnas pertenecentes a casa do 95, feitas con pedras, que da entrada os pequenos resíos do Xilote, que ten o Sur -entre o camiño compartido que separa da casa da Joaquina e as paredes do sur e o Este da súa casa-, e de alí pasaron a porta da cociña por a que se entra a casa do Xilote, que foi franqueada.

A casa estaba baleira. Toda en orde. Pero o Xilote desaparecera como por arte de maxia.

Dos animais fixéronse cargo os veciños, uns tal Antón, os que lle permitiron seguir utilizando unha das cortes, a que queda na veira do camiño público o Oeste, e o alpentre que queda na outra veira, mentras non aparecera o Xilote ou se fixera cargo dela os heredeiros ou os que autorizara o Xuiz, e da casa e fincas que non vendera, case na súa totalidade pertencían á súa primeira esposa, ao non ter esta herdeiros directos, llas encargou o Xuíz ao veciño Ramón Pérez Lorenzo, alcalde pedáneo naquel tempo. Este e o Xuiz, co paso do tempo, pasáronllas a veciña Carmen Pérez Martínez, familiar directa de María Antonia Pérez, para que esta levantase o embargo da contribución e poidera facerse cargo delas, o mesmo pasou co capital da súa irmá Redosinda que, ausente no estranxeiro, seica lle levantou o embargo da contribución -dunha pequena parte da casa nas Poldras, indivisa cá do Xilote, e un par de veigas por As Poldras e Caldas- outro veciño, un tal Guillermo Cerqueira. E comezaron as pescudas para buscar a Xosé Fernández Pérez “O Xilote”.

Transcorridos dous meses desde que aconteceu o relatado, as pescudas efectuadas nese lapso de tempo non deran o menor resultado.

O Xilote non aparece nin se atopou a menor pegada da súa presencia na bisbarra.

Se cadra uns interrogatorios xeitosos fixesen que algúns veciños aportasen razóns ou motivos nos que basear as sospeitas que teñen de que o Xilote foi víctima dun crime.

Os veciños de Santiago de Parada non se resignan a que fique impune un feito deste calibre e están dispostos a axudar á acción da xustiza.

Os aldeáns están persuadidos de que Xosé Fernández morreu a man airada e teñen a convicción de que o autor ou autores do crime enterraron o cadáver para borrar as pegadas do delicto. As xentes non se explican como a xustiza non esgota todas as posibilidades para pór en claro o misterio en que aparece envolto o asunto.

Pero os aldeáns, debido a ese ancestral temor de “andar na xustiza” son excesivamente parcos nas súas manifestacións á Garda Civil, que continúa as pescudas para aclarar o feito, pero o hermetismo absoluto dos labregos faino complicado.

Se os campesiños dixesen aos gardas algo que entre eles din ao falar da desaparición do Xilote, a estas horas se cadra estivese o misterio aclarado.

Hai quen di que na véspera Xosé Fernández estivo na parroquia de Luneda, pertencente ao termo da Cañiza e limítrofe da de Parada. A tarde do 14 de febreiro e se cadra parte da noite pasouna o Xilote na taberna que en Luneda posúe Xosé Alonso, xogando con dous individuos, un deles veciño de dita Luneda e o outro da freguesía de Mourentán.

Carta de persoa veciña que nos merece absoluto crédito e cuxo nome non é preciso pór ao aire, dinos: "Si, cónstame por razóns obvias, que o 14 de febreiro último, domingo de piñata, o Xilote ocupouse ata as dúas da tarde en enxertar froiteiros dun veciño da Cruz, familiar da primeira muller de Xosé, …..

Ás tres da tarde o Xilote encamiñouse cara o lugar de Veiga de Chan, acompañado de "A Farrapeira", que era amante do suxeito misteriosamente desaparecido.

"A Farrapeira" estivera a esperar polo "Xilote" nun camiño que hai preto da casa na que vivía o presunto asasinado; e segundo declara unha veciña que falou con aquela, o desaparecido abandonou a casa da súa amante o citado 14 de febreiro á posta do sol, sen lle dicir qué rumbo se propoñía tomar".

Chegou a saberse de fidedigna procedencia, que a bo seguro o Xilote non camiñaba o 14 de febreiro, vestido con roupa de faena e calzando zocas, como se deixou dicir, cara a parroquia de Luneda, iso fora o día antes, e motivo de confusión de datas, cando estivo na taberna de Xosé Alonso.

E sábese máis. Sabemos que días antes de se ter eclipsado, o Xilote traballara como carpinteiro en casa do Cristovo, de onde saía con sol en rota cara a súa morada.

Neses días o Xilote daba mostras de preocupación. Semellaba temer algo. Procedía como se presentise que o ameazaba un grave risco. E tan é así que eludía o paso polos piñeirais de Paralonga, como se recease dun atraco ou de cousa peor.

Antecedentes de interese

O asinante dunha carta, veciño e home de recoñecida honorabilidade, non cre que o Xilote fose asasinado na Parroquia de Luneda, pois ninguén, en contra do que se dixo, asegura que o viu nela ou nas súas inmediacións o 14 de febreiro.

Cre mellor que seica o suposto asasinado fose atraído a determinada casa na freguesía de Parada, onde o mataron.

Entendemos, -dinos o asinante da carta- que as pescudas para dar luz a este tenebroso asunto deben iniciarse no sitio onde se supón desapareceu a presunta víctima.

E como o Xilote, segundo os indicios máis dignos de crédito, desapareceu entre os lugares de Veiga de Chan e As Poldras, o fío para desenvolver o intricado enigma hai que tomalo aí.

Traspasamos esta información ao Sr. Xuíz da Caniza, quen quizais vexa nos datos, que aquí se aportan, materia para unha actuación eficaz na obra de dar cumprida satisfacción a un numeroso continxente de veciños que non se resignan a que, por non esgotarse todos os medios de investigación que son factibles á xustiza fique impune un crime que é causa de inquedanza funda e xustificada alarma nesta Bisbarra.

Meses despois, no mes de xullo, as xestións da Garda Civil, dirixidas polo Capitán Escobar deron por resultado o achado do cadáver. O Xilote foi asasinado por unha muller.

Cando xa se cría, dado os meses transcorridos, que o suceso habería de se esvaecer nesa nube que coa complicidade do tempo forman no ambiente rural. os temores dos campesiños a "andar na Xustiza”, o Capitán da Garda Civil de Vigo, don Alfredo Escobar Hortas trasladouse, comisionado, á Bisbarra escenario do presunto crime, decidido a pór en claro o asunto.

Alá, auxiliado polo Oficial don Alfredo Velay, o Cabo don Manuel Gil Galindo -manda o posto de Teis e emprestara os seus servicios na Cañiza- e varios números, o señor Escobar realizou denodados traballos durante tres días e o maior dos éxitos coroou os seus esforzos.

A xestión da Garda Civil deu por resultado, como antes dixemos, o achado do cadáver de Xosé Fernández e a descuberta do autor – autora, pois é unha muller- do crime.

Cando o Capitán Escobar, coa forza ás súas ordes, chegou á parroquia de Santiago de Parada, escenario do crime, dirixiu as súas actuacións con miras ás "Farrapeiras".

As lerias dos veciños sinalaban diversas pistas. A maioría destas dirixíanse cara lugares moi arredados da parroquia de Parada.

De entre todas, a Garda Civil decidiuse pola pista que marcaba como autoras ás "Farrapeiras”. Un estudio de antecedentes e circunstancias, decidiu ao Capitán Escobar a seguir esta rota e o éxito inmediato sancionou os seus traballos.

A base desta pista era a certeza dunha referencia que afirmaba como o Xilote entrou o 14 de febreiro, á tarde, na casa de Consolo e Perfecta Estévez.

O Capitán Escobar practicou un rexistro na casa de Consolo Estévez (a) Farrapeira e a súa filla Perfecta, esta de 28 anos. Consolo fora querida do Xilote antes e durante o matrimonio deste con María Antonia Pérez. Desta relación din, sen que se sepa a ciencia certa, que tiveron un fillo chamado Manuel que emigrou e durante o seu segundo matrimonio con Isaura González, de Luneda, o "Xilote" cambiou de querida á nai, Consolo, pola filla, Perfecta. Fai catro anos, Xilote e Perfecta, filla da Consolo, entaboaron relacións íntimas, que continuaban. A Perfecta ten dúas fillas, unha de seis e outra de catro anos, algúns veciños, poucos, din que a última é filla do Xilote. Está solteira.

A clase de vida que facía o Xilote era causa de que todos os veciños o considerasen un suxeito francamente indesexable.

Efecto dese rexistro foi atopar, soterrado, na corte da casa, sita no lugar de Veiga de Chan, o cadáver do desaparecido.

Estaba sepultado a uns dous palmos de profundidade, no parte dos cochos, cunhas pedras a flor de terra. Descuberto o cadáver, foi relativamente fácil achar a criminal.

O hábil interrogatorio ó que foi sometida Consolo Estévez polo Capitán Escobar, fixo que dita señora se confesase autora do asasinato. Consolo declarou que deu a morte ao Xilote espetándolle un golpe na cabeza cunha eixada. Xosé faleceu.

No curso de todas estas dilixencias, Consolo daba mostras dunha serenidade arrepiante. Presenciaba a escavación con tranquilidade asombrosa. E viron, inconmovibles, como os restos da víctima saían do foxo que elas cavaran na corte.

Un detalle dará idea da serenidade da Farrapeira. Xa desenterrado o cadáver e posto no camiño, Consolo pasou varias veces sobre os restos, sen inmutarse .

O cadáver do Xilote apareceu co cranio completamente estragado e en total estado de descomposición. Sobre el estaba a chaqueta e a pucha de viseira. A chaqueta é negra cadrando coa declaración dos veciños. Non apareceron as zocas que o Xilote calzaba. Tampouco se acharon a machada que usou para partir leña nin as tesoiras que empregou nas faenas de podar.

Mentres tanto Perfecta, aproveitando os minutos en que os gardas realizaban os traballos de escavación, e co pretexto de ir dar o xantar ás súas fillas, desapareceu.

En todo o día do venres non foi vista Perfecta. Era preciso detela e o Capitán Escobar dispensou este servicio. A este efecto na madrugada do sábado dividiuse a forza da Garda Civil en varios grupos para percorrer a bisbarra.

¿Como se cometeu o crime?

En torno aos motivos do crime, ademais da versión procedente das declaracións feitas por Consolo e Perfecta Estévez -as autoras- circulaba a versión de que ao Xilote o mataron para lle roubar unhas 350 pesetas que se dicía levaba consigo, suma procedente dunhas vendas de fincas compradas para Carmen Pérez e da que só se desprendera dunha pequena parte para pagar débedas.

Pero contra a suposición de que o roubo fose móbil do crime, está o feito de que a "Farrapeira" nai, pediu emprestadas, a pouco da desaparición do Xilote 25 pesetas e ademais escribiulle ao fillo ausente en demanda de diñeiro para atender ás súas necesidades.

Como a xente lle falase ás "Farrapeiras" (nai e filla), da desaparición do Xilote, elas contestaban con evasivas.

Por fin, chegouse a convencelas de que puxesen o feito en coñecemento das autoridades; e as "Farrapeiras" non vacilaron en ir Á Cañiza, para dar parte ao Xuíz da desaparición do Xosé Fernández.

Transcorreran nove días desde o día en que se consumara o crime.

Cando Consolo e Perfecta Estévez compareceron ante o Xuíz a denunciar a desaparición do Xilote, a nai, que levaba a palabra, explicouse así: O Xilote estivera a traballar na casa dela o domingo de Piñata, de alá marchou antes da posta do sol, manifestándolles que se ía porque tiña que ventilar un asunto e que ventilado que fose tornaría para atar as viñas.

Engadiu que con anterioridade ela o disuadira de certos propósitos que o Xilote abrigaba; pero entón non o puidera conseguir.

Dixo tamén que o Xilote marchou sen lle facer ningún encargo, o que semellaba indicar que voltaría pronto; pero como os días transcorrían sen ter coñecemento del, acudía para denunciar a súa desaparición.

A última tarde do Xilote

Os veciños de Veigadechan, Xoán Álvarez Gómez e Francisco Gil Novoa, emprestaron ante o Capitán Escobar declaracións que tiveron positiva eficacia na descuberta do crime.

Dixeron que o 14 de febreiro, á tarde, viron o Xilote na morada das "Farrapeiras".

Xosé Fernández apañaba vimes preto da casa e ao pasar eles dixo ao Álvarez que lle axudase para acabar máis pronto. Álvarez negouse para non estragar unha tesoira de poda nova.

Mais tarde vírono no mesmo sitio, partindo leña.

Anoitecía e oíron que a Perfecta lle dicía ao Xilote que había que cortar unhas varas para unha parra, contestando o interfecto que se facía noite e era mellor deixalo para outro día.

Ela insistiu e o Xilote e a Perfecta marcharon a cortar as varas, de onde terían que tornar xa de noite.

Engadiron Álvarez e Xil que o Xilote vestía de negro ou de escuro.

Estas declaracións contradicíanse coas feitas xa polas “Farrapeiras”, as que aseguraban estivera o Xilote ata a noite na súa casa, que mandara buscar viño e que vestía unha chaqueta gris.

Esta contradicción nas declaracións foi o que, ao parecer, decidiu ao Capitán Escobar, a buscar o cadáver na casa das “Farrapeiras” e conseguir o éxito xa sabido.

Respecto á forma en que se cometeu o crime, temos que aternos, por non haber testemuñas, ao declarado por Consolo e Perfecta Estévez.

Das dilixencias practicadas pola Garda Civil, resalta que o asasinato do Xilote se cometeu na forma seguinte:

O 14 de febreiro, despois do traballo, o Xilote estivo como unha media hora máis na morada das "Farrapeiras".

Fíxose consumo de viño e semella ser que o Xilote pegou á Perfecta, porque esta se resistía a certas salvaxes proposicións do seu amante.

O Xilote, fracasado nos seus bárbaros propósitos, marchou da casa irritado.

Pero, á media hora, volveu. As mulleres negáronse a franquearlle a porta, temerosas del, mais o Xilote non desistía da súa pretensión de entrar.

Convencido de que non lle abrirían, Xosé Fernández decidiuse a entrar por unha xanela que dá á cociña.

Cando a escalaba e se botaba inclinado cara dentro, para irromper na vivenda, Consolo, armada cunha eixada, asestoulle un golpe na cabeza e o Xilote caeu sobre o chan da cociña, con vida e non morto. Entón Perfecta rematouno a golpes de machada.

Daquela veu a tráxica e arrepiante faena de dar sepultura ao cadáver. Esta manobra realizouna Perfecta soa, na corte, cavando a foxa coa mesma eixada que empregara Consolo para lle dar o primeiro golpe. Xa de madrugada, acabou a súa tétrica tarefa, indo deitarse .

Consolo e Perfecta non cadraron plenamente nas declaracións emprestadas. Isto fai presumir que non dixeron toda a verdade ou que algunha delas a falseou, en todo ou parte. Sexa como fose a forma en que foi morto o Xilote, o crime foi descuberto gracias ao traslado, en comisión, do Capitán Escobar e a súa equipa Á Cañiza.