A nova vía libre de peaxe garantirá a interconexión e a permeabilidade dos tráficos entre a Autoestrada do Atlántico, o acceso ao Porto Exterior e o Polígono de Sabón
Os estudos que agora comeza a elaborar a CPTOPT teñen un orzamento de 410.000 euros
Santiago, 25 de febreiro de 2009.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes licita, segundo se publica hoxe no Diario Oficial das Comunidades Europeas, os estudos informativo e de impacto ambiental da autovía central da Coruña que conectará a AP-9 coa Terceira Rolda e Arteixo. Estes estudos saen a concurso cun orzamento total de 410.000 euros e permitirán desenvolver unha infraestrutura contemplada no Plan Director de Estradas de Galicia como parte da Rede Arterial da Coruña cunha función principal de distribución de tráficos cun marcado carácter industrial.
A futura Autovía Transversal arrancará de Arteixo, no enlace da Autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55) coa Autovía do Noroeste (A-6), conectará coa Autovía ao Porto Exterior e desembocará na Autoestrada do Atlántico (AP-9). Deste xeito garántese a comunicación entre todas as Vías de Altas Prestacións existentes e proxectadas a través dunha nova autovía.
Ademais, con esta infraestrutura que enlaza coa A-6, a cidade da Coruña quedará conectada coa Meseta cunha autovía libre de peaxe da que ata o de agora carecía. É dicir, os vehículos que entren na cidade pola Autovía do Noroeste terán a posibilidade de acceder ao centro urbano ben a través da Terceira Rolda, ben a través da nova Autovía Transversal, cando ata o de agora as dúas posibilidades para chegar ata a A-6 eran a Autoestrada A Coruña-Carballo e a Autoestrada do Atlántico, as dúas con peaxe.
Outro dos aspectos salientables desta nova Autovía é o de que proporcionará un acceso gratuíto á cidade para todos os tráficos xerados no entorno industrial de Arteixo e que están concentrados, na súa meirande parte, no Polígono de Sabón.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada