A chegada á Xunta de Galicia do novo Goberno de progreso supuxo un cambio de rumbo a un barco que estaba á deriva, desnortado, con graves vías de auga e cos seus dirixentes enlamados en liortas intestinas, máis preocupados por saber quen levaría o timón que por buscar novos ventos que levasen a Galicia ao mellor porto. O Goberno do Cambio tivo que facer fronte a esta situación complicada. Collía o mando dunha nave errática coa determinación firme de poñer proa cara mares máis calmos dende os que retomar a ruta cara un horizonte renovado.
Hai catro anos que comezou aquela singladura, e hoxe podemos afirmar que no caderno de bitácora figuran coordenadas que indican que este barco atopou a senda do progreso, a protección social e a igualdade de oportunidades. O Parlamento volveu ao centro da vida política deste país; a economía resiste mellor os embates da crise global; as mulleres, os discapacitados e os sectores máis desfavorecidos da poboación ven atendidas as súas demandas e necesidades; temos 20.000 postos máis de traballo, reduciuse a taxa de paro e converxemos con España; saneamos a sanidade e reducimos as listas de espera; melloramos a educación con máis financiamento, medios e bolsas, e mesmo implantamos a gratuidade dos libros de texto; melloramos as prestacións para os galegos e galegas; facilitamos o acceso á vivenda; e avanzamos na conservación da natureza. Podemos ver nubes, pero sopra o vento a favor para poder evitalas.
Neste sentido, as iniciativas postas en marcha pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes foron fundamentais no novo rumbo de Galicia. Establecemos como obxectivo fundamental devolver ao territorio o seu valor como principal activo máis alá da súa vertente puramente económica, nun labor integral que pasa por propiciar o crecemento ordenado das nosas vilas e cidades para potenciar a calidade de vida dos galegos fronte a intereses partidistas; buscar o equilibrio e a cohesión territorial mediante a construción das axeitadas infraestruturas; conquerir que a xeografía non sexa un límite á nosa mobilidade dando igualdade de oportunidades a todos os cidadáns con independencia de onde vivan grazas a un eficaz sistema de transporte público; e tamén pola busca dun equilibrio entre a preservación e o aproveitamento do noso litoral, a través dun sistema portuario integrado, coordinado, eficiente e que non viva de costas ás cidades e vilas nas que se sitúan os portos. En definitiva, deixar aos nosos fillos unha Galicia moderna e puxante da que nos podamos sentir orgullosos.
Nese labor era primordial a protección do territorio e acabar co caos urbanístico, e nese empeño a CPTOPT ten posto unha grande parte dos seus esforzos, no convencemento de que estábamos a tempo de salvar á costa do urbanismo descontrolado, de desterrar a palabra “feísmo”, de deixar atrás o “ti vai facendo” e o “todo vale”.
Enarbolando a bandeira do urbanismo sustentable aprobamos unha lei que nos permitiu frear a depredación salvaxe das nosas costas, a Lei de Medidas Urxentes, que paralizou o avance desbocado do cemento no litoral de Galicia suspendendo a construción na franxa dos 500 metros. Trátase dunha norma transitoria que nos permitiu blindar a costa mentres elaborabamos o Plan de Ordenación do Litoral, o instrumento que permite definir os usos dos terreos do litoral dun xeito ordenado para preservalo nos concellos que aínda non teñen listo o seu Plan Urbanístico.
De feito, outro dos eixos fundamentais era dar aos concellos os medios e as axudas (case 27 millóns de euros) para que puxesen ao día as súas normas urbanísticas, xa que no ano 2005 tan só catro concellos o fixeran (e un deles, o de Ourense, cuxo PXOM foi invalidado polos Tribunais recentemente). Hoxe superamos a trintena e temos o obxectivo de chegar a 75 nos vindeiros anos, se os cidadáns apoian o noso labor.
Un terceiro piar son as Directrices de Ordenación do Territorio, das que só existía un avance e hoxe xa están elaboradas, e que permitirán acadar un desenvolvemento equilibrado do territorio, maior equidade nos servizos e a protección do patrimonio cultural e medioambiental.
Estes instrumentos, sumados á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística creada nesta Lexislatura para velar contra as irregularidades, son os eixos que nos permitiron avanzar na meta de facer do territorio un elemento de cohesión social e desenvolvemento.
Precisamente as infraestruturas son un factor determinante para acadar a cohesión social e favorecer o desenvolvemento de Galicia. E unha das principais eivas que tiña Galicia era a inxusta peaxe da AP-9 en Rande e A Barcala. Os galegos viron como no ano 2000 se prorrogaba 25 anos máis as peaxes desta autoestrada, a xoia da coroa de Galicia, que só tres anos despois foi malvendida, lastrando a posibilidade de liberala de taxas. Sen embargo, o empeño do presidente Touriño e o seu Goberno fixeron realidade nos primeiros meses de mandato a gratuidade das peaxes.
O balance que podemos facer desta Lexislatura no eido das infraestruturas é altamente positivo: multiplicamos por cinco os quilómetros de autovía e duplicamos a rede de vías de altas prestacións, sen un só quilómetro con peaxe (mesmo eliminamos o previsto polo Goberno do PP entre Dozón e Ourense na AP-53).
Puxemos en servizo importantes obras como as autovías do Barbanza, do Salnés, Santiago–Brión ou Dozón–Ourense e elaboramos o Plan Director de Estradas, un documento que é a folla de ruta para as infraestruturas de Galicia ata o ano 2020 e que prevé un investimento de 16.000 millóns de euros para acometer 780 actuacións. Este documento inclúe o Plan Vigo Íntegra, o plan sectorial para a área de Vigo, co que se salda o esquecemento ao que se veu sometida a zona máis importante de Galicia tanto poboacional como economicamente. Este plan sectorial contempla investimentos de 2.000 millóns de euros para acometer 70 actuacións sobre 350 quilómetros de vía que permitirán reducir os tempos de viaxe nunha media dun 35 por cento.
Este pulo ás novas infraestruturas non implicou que nos esqueceramos da conservación da rede convencional e da aposta pola seguridade viaria. Así, triplicamos os investimentos feitos na anterior lexislatura, permitindo, entre outros aspectos, reducir de 86 a 38 os tramos de concentración de accidentes que había, e que suprimiremos na súa totalidade nos vindeiros catro anos; pintar todas as estradas autonómicas; ou desbrozar dúas veces ao ano as marxes das vías. Ademais, por primeira vez se instalaron medidas de seguridade para os motoristas, antes inexistentes nas vías de Galicia.
Pero a seguridade viaria é un problema que depende de moitos factores, por iso a Xunta elaborou o primeiro Plan de Seguridade Viaria, un instrumento sen precedentes que foi fundamental na redución do número de vítimas mortais, entre outras medidas, grazas ao Noitebús, o autobús nocturno que desprazou a cerca de 350.000 persoas a lugares de ocio dende a súa creación.
Outros fitos importantes nesta lexislatura foi a posta o día do pago de expropiacións, para as que antes había que esperar tres anos de media e hoxe cumpre o prazo legal de tres meses; ou o recoñecemento de 38.000 explotacións agrarias que quedaran no limbo dende a anterior lexislatura; ou a posta en marcha do Plan de Portos Deportivos, que prevé chegar aos 32.000 amarres en 2020; ou a dotación de 30 millóns de euros para axudar a un sector clave da economía galega como é o dos transportistas.
En definitiva, hoxe, aquel barco que se afundía en 2005 está ben gobernado e foi quen de dirixir as velas cara os ventos favorables. Vemos terra, pero aínda non se chegou a porto, e é necesario que se manteña o rumbo, que se aproveite o impulso acadado nestes catro anos para que a singladura continúe por mares calmos, tratando de evitar as tormentas e, sobre todo, de caer nos erros do pasado que poderían devolver o buque ás augas revoltas das que tanto esforzo custou sacalo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada